O illamento, que nun espazo natural nos acolle nos protexe, é tamén propicio para cometer un crime. Os lugares non son testemuños de nada, os lugares non nos ven, nós recreámolos, apropiámonos do seu tempo perdurable, dos seus cambios lentos, da súa maxestosa indiferenza cara ao noso fuxidío devir. Nos nosos paseos hai momentos en que, fundidos co que nos rodea, chegamos a desaparecer nun gozoso camiñar cara a ningures. Cun sentido paradoxal, a expresión “dar o paseo” resoou traxicamente na Guerra Civil tras a ocupación dos sublevados. Milleiros de persoas foron asasinadas e moitas delas en lugares afastados coma este.
Na serie O final aquí o punto de vista da cámara está situado no lugar onde caeron os paseados. Non é posible reproducir o que estas persoas viron por derradeira vez, se é que nesa tráxica circunstancia se pode ver outra cousa que os propios pensamentos, mais estes son os lugares que outros elixiron para o seu final; nós si os vemos e neles a súa última mirada.
