En 1993, o Centro Galego de Arte Contemporánea inaugurou unha exposición retrospectiva dedicada a Maruja Mallo, coincidindo coa apertura do edificio deseñado por Álvaro Siza Vieira. Esta antoloxía tivo como obxectivo recuperar a figura da artista, reunindo arredor de 130 obras, entre pinturas, debuxos, gravados, bosquexos para cerámica e fotografías. Ademais, presentouse un extenso conxunto documental composto por apuntamentos, cadernos inéditos, catálogos de exposicións, revistas e manuscritos, atopados fortuitamente nun baúl conservado na casa dun familiar.
Un dos grandes logros da exposición foi reunir obras dispersas en diversas localizacións como Arxentina, Uruguai, Estados Unidos, Francia e distintas cidades españolas. Entre as pezas máis destacadas figuraron Kermesse do Centro Pompidou, Naturaleza viva do Museo de Artes Visuais de Montevideo, Retrato de mujer do Museo Provincial de Bellas Artes Artes Rosa Galisteo de Rodríguez e varias obras pertencentes ao Museo Reina Sofía. Ademais, incorporáronse pezas emblemáticas como El Mago, Mensaje al mar e La Sorpresa del Trigo, procedentes de coleccións particulares.
