Carrusel de imaxes de exposición

Alexandra Ranner: "Crash I", 2012
Alexandra Ranner: "Crash I", 2012
April, 2006. Video. Colección CGAC.
Alexandra Ranner: "April", 2026
Pausa
  • 0
  • 1

ALEXANDRA RANNER. Rumor

13 Marzo 2026 - 14 Xuño 2026
Soto
Comisariado:
Piedad Solans

A artista alemá residente en Berlín, Alexandra Ranner (Osterhofen, 1967), presenta no CGAC a súa primeira exposición individual nun museo español. A partir dunha selección de traballos procedentes de medios diversos como a fotografía, a escultura, a instalación ou o vídeo, a mostra realiza un percorrido pola súa traxectoria como artista desde o ano 2003 ata a actualidade.

A súa obra, marcada pola dificultade para identificar categorías precisas, aborda temáticas como a soidade, o colapso, a indefinición do espazo, os lugares anteriores ou posteriores a unha catástrofe, a suspensión de estados e acontecementos ou o tempo entre un pasado arcaico ou estático e un futuro por acontecer. E faino mediante a representación de seres humanos e animais, paisaxes, arquitecturas, interiores e ruínas.

A imprecisión semiótica das súas obras —a negativa para establecer unha relación directa entre percepción e concepto, significante e significado— subverte os fundamentos racionalistas do coñecemento. A análise obxectiva do observado e a posición externa da mirada vense alteradas, e o mesmo ocorre coa descrición ou interpretación do que vemos e coa narrativa dun tempo lineal. Neste sentido, a configuración do espazo arquitectónico realizada nas salas do CGAC, con muros, miras e xanelas contribúe a crear unha experiencia perturbadora, onde o misterio, a estrañeza e a ambigüidade, non exentos de violencia, discorren nos confíns enigmáticos da natureza e do que se considera humano.

Alexandra Ranner sitúa os seus seres na intensidade emocional da soidade, o illamento, o encerro, a perda, a inseguridade, o gozo ou a tenrura. O seu coñecemento da pintura renacentista e barroca, en particular da obra de Velázquez, Zurbarán, Caravaggio ou Menéndez Valdés, e o influxo de autores como Goya, Franz Kafka ou Samuel Beckett permítenlle tratar os trastornos e as convulsións da sociedade contemporánea cunha poderosa calidade espacial, plástica e perceptiva. A pesar de utilizar rexistros procedentes da historia da arte e da arquitectura, a súa obra non está baseada en canons clásicos nin dramáticos, senón no humor, no sarcasmo e no absurdo propio das vangardas artísticas contemporáneas, que nos achegan ao paradigma perturbador do noso tempo.