Carrusel de imaxes de exposición

FOTO TALLER ARTISTA. CLAUDIO ZULIAN

NO ESPAZO E NA VOZ LEMOS O TEMPO. Traballos do taller sobre o barrio de San Pedro dirixido por Claudio Zulian

06 Xuño 2025 - 21 Setembro 2025
Entrada e hall
Comisariado:
Claudio Zulian
Director/a do proxecto:
Santiago Olmo
Artistas:
Candela Conde, Silvia G. Armesto, Irina Malyuchenko, Noemí Moisés Méndez-Benegassi Gamallo, Ramón Yoshimura

Entre outubro de 2022 e febreiro de 2023 tivo lugar no CGAC Vidas, unha exposición individual do artista e cineasta Claudio Zulian que se centrou na produción dun novo traballo inspirado no barrio de Vite de Santiago de Compostela.

Os proxectos de Claudio Zulian, como artista e investigador, abordaron a miúdo as diferentes maneiras de construír os imaxinarios simbólicos da cidade e os seus barrios, a través das vidas, memorias e anhelos dos seus habitantes. Nesta liña, a mostra que presentou no CGAC tivo como corolario un taller de artista, concibido como un espazo de reflexión, experiencia e creación sobre o tecido urbano e as comunidades que o habitan. Ao estar o CGAC situado no barrio de San Pedro, parecía lóxica a elección desta veciñanza como obxecto ou, polo menos, como espazo de traballo do taller.

O barrio de San Pedro, ao leste de Santiago de Compostela, naceu como un arrabalde arredor do Camiño Francés polo que os peregrinos accedían ao centro histórico da cidade situado intramuros.

A súa expansión viuse favorecida polo establecemento de diversas ordes relixiosas que construíron os mosteiros de San Domingos de Bonaval, San Pedro de Fóra e Belvís.

A evolución do barrio estivo marcada polo lento crecemento da cidade e pola estrutura peculiar do seu centro histórico, que preservou grandes franxas de chan agrícola e espazos libres dentro dos rueiros con edificacións.

Na actualidade, o barrio está composto por máis de trinta rúas estreitas, moitas delas peonís ou de tráfico restrinxido, con rueiros que inclúen amplas zonas libres de edificacións.

Limita ao norte cos parques de San Domingos de Bonaval e Monte da Almáciga, ao oeste co parque de Belvís, e ao leste e sur, coa avenida de Lugo, unha vía de tráfico denso.

A rúa de San Pedro e a súa continuación en Concheiros son as principais vías de entrada de peregrinos e concentran a maioría dos negocios da zona.

No barrio hai edificacións relixiosas como o convento de Belvís ou as igrexas de San Pedro e Nosa Señora da Angustia, ademais doutros edificios vinculados á Igrexa como o Centro Xuvenil Don Bosco e o Seminario Menor, que inclúe un albergue de peregrinos.

Nos arredores do parque de Belvís hai varios colexios e no parque de Bonaval localízanse o Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea. San Pedro conta ademais cun centro sociocultural, con locais de diversas asociacións culturais e con varios centros de ensino que completan a súa ampla oferta cultural.

Ao longo dunha semana, unha serie de discusións permitíronlle ao grupo de participantes no taller sentar co artista unhas bases comúns de actuación que, desde o visual, lles permitisen abordar a complexa realidade do barrio. A proposta poñía o acento na adopción de puntos de vista novos ou, polo menos, non suficientemente explorados, pero para levala a cabo requiríase moito tempo. Por iso, atendendo ás demandas das persoas participantes, tanto o artista como o museo mostráronse de acordo en ampliar a duración do taller e estender as sesións de traballo ao longo de todo un ano. Esta decisión permitiu madurar mellor un conxunto de proxectos susceptibles de conformar un fresco do barrio e traducirse máis tarde a un formato expositivo.

No taller propúxose unha lectura da cidade como organismo complexo, e utilizouse como ferramenta primeira o concepto de experiencia estética, co que se pretende aludir, en primeiro termo, a toda aquela información que os nosos sentidos son capaces de rexistrar nunha contorna urbana e que, en definitiva, constitúe o patrimonio da cidadanía (todos e todas vemos as mesmas fachadas, oímos os mesmos ruídos…). Por outra banda, está a maneira en que esta percepción se constrúe (a partir das tradicións interpretativas de diversos grupos: veciñanza, turistas, persoas expertas en distintas áreas de coñecemento…) e, finalmente, tamén a singularidade de cada unha das persoas que habitan a cidade e de quen a observa.

A partir destas tres dimensións da experiencia estética, o taller desenvolveuse cun dobre obxectivo. Por unha banda, mergullarse nas diferentes historias (sociais, políticas, urbanísticas, locais ou globais) que poboan a cidade e reflexionar coidadosamente sobre como se diferencian as experiencias estéticas dos seus habitantes (algúns detalles dos edificios, por exemplo, non os vemos porque non nos parecen significantes). Por outra banda, cada unha das persoas participantes no taller foi convidada a activar a súa propia cultura —experiencial, visual, literaria, filosófica…— para así poder ler o barrio e, ao mesmo tempo, tecer un diálogo cos veciños e coas veciñas no propio acto de observar.

A primeira fase do taller desenvolveuse ao longo dunha semana, e posteriormente sucedéronse tres sesións presenciais de varios días de duración e tres sesións en liña.

Todas as persoas participantes interviñeron nos procesos de recompilación de documentación, acción e desenvolvemento dos proxectos. Con todo, co tempo só se formalizaron os cinco traballos que agora se presentan no CGAC e que non aspiran a ofrecer unha lectura exhaustiva da riquísima vitalidade do barrio de San Pedro, senón, máis ben, a mostrar a multiplicidade de achegamentos posibles e a creatividade que suscita.

Todos eles oscilan entre unha perspectiva propiamente documental e unha mirada estética. Ademais, a diversidade de técnicas e ferramentas utilizadas confírelle ao conxunto un carácter poliédrico. Tres das pezas incluídas nesta mostra —os traballos de Noemí Moisés Méndez-Benegassi Gamallo, Irina Malyuchenko e Candela Conde— son obras videográficas; Ramón Yoshimura, pola súa banda, produciu unha serie de fotografías e Silvia G. Armesto, un conxunto de debuxos a carbón e acuarelas sobre papel.

Este proxecto insírese nunha liña de traballo do CGAC que promove a participación do público e a conexión cos potenciais usuarios e usuarias do museo, coa veciñanza e cos barrios non monumentais da nosa cidade, alicerces fundamentais da armazón urbana que manteñen viva a cultura popular contemporánea. Nesta liña encádrase o proxecto Vidas, do propio Claudio Zulian, que contou coa colaboración e participación activa dos veciños e das veciñas do barrio de Vite (2022-2023); o exercicio de comisariado solidario que supuxo Colectiva dun colectivo (2019), unha mostra articulada con obras da Colección CGAC escollidas e montadas como exposición polas persoas participantes no proxecto educativo e de creación Na Varanda, ou o programa de acción comunitaria actualmente en curso O forno da Amara, que pretende achegar ao CGAC ás persoas maiores a través das fotografías que preservan a súa memoria.