O FUTURO DOS MUSEOS EN COMUNIDADES EN CONSTANTE CAMBIO. Semana dos museos 2025
O obxectivo do Día Internacional dos Museos (DIM) é concienciar as persoas usuarias sobre a importancia dos museos como medio para o intercambio, o enriquecemento cultural, a colaboración, o coñecemento mutuo e a paz entre os pobos. O DIM celébrase, coa participación de 158 países e territorios de todo o planeta, arredor do 18 de maio.
O lema escollido polo ICOM (Consello Internacional de Museos) para a edición deste ano é “O futuro dos museos en comunidades en constante cambio”. A idea é impulsar a adaptación dos museos e as comunidades das que forman parte ao dinamismo dun mundo cambiante marcado polas transformacións tecnolóxicas, sociais e medioambientais.
CONCERTOS DIDÁCTICOS OUTRAS MÚSICAS SON POSIBLES
Luns 12 e martes 13 de maio de 2025
Dirixe: Xacobe Martínez Antelo
Comezamos a semana con catro concertos didácticos dirixidos ao público escolar e impartidos pola formación musical Ensemble Liberdade. O obxectivo desta actividade é achegar a música contemporánea ao público infantil e espertar nas novas xeracións a curiosidade pola arte do noso tempo.
Durante as sesións, os e as integrantes de Ensemble Liberdade acometerán a construción de diversas pezas musicais en directo, dunha maneira amena, práctica e participativa. O público terá a oportunidade de vivir en primeira persoa o proceso de creación dunha peza musical e de mergullarse de cheo na experimentación sonora.
HORARIO: de 10:30 a 11:30 h (primeira quenda); de 12:00 a 13:00 h (segunda quenda)
LUGAR: auditorio do CGAC
DESTINATARIOS: grupos de escolares do terceiro ciclo de educación primaria
INSCRICIÓN: Para inscribirse ou solicitar máis información sobre esta actividade poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal.
PRAZO DE INSCRICIÓN: do 25 de marzo ao 30 de abril
PRAZAS: 250 por quenda
Actividade de balde con inscrición previa
SESIÓNS ABERTAS DOS CURSOS DO CGAC
De xeito excepcional e para celebrar a semana dos museos, convidaremos a toda a cidadanía a participar nas sesións abertas ao público dalgúns dos cursos que forman parte do programa anual de actividades do centro. Nesta ocasión, os elixidos para sumarse a esta iniciativa de portas abertas foron:
Martes 13 de maio
Dirixe: Fuco Reyes
Este curso realiza un percorrido en imaxes desde o xurdimento das vangardas artísticas, nos inicios do século XX, ata a aparición do posmodernismo, na década de 1970, un período que supuxo unha transformación radical na maneira de entender a fotografía. A sesión do 13 de maio estará dedicada ás relacións entre a fotografía e a arte conceptual.
HORARIO: de 19:00 a 20:30 h
LUGAR: auditorio do CGAC
Entrada de balde ata completar a capacidade da sala
CURSO DE CULTURA CONTEMPORÁNEA E MODA O CONTEXTO DA MODA
Mércores 14 de maio
Dirixe: Román Padín
Neste curso afóndase nas diversas facianas da moda: onde se produce, como se comunica e cal é a súa relación con outras disciplinas como a literatura, a historia, a socioloxía, a arte contemporánea, a industria e a ciencia. A sesión do día 14 de maio estará dedicada ao impacto da moda na xeopolítica. Nela aboradaranse as diversas relacións do contexto político e social e a evolución da industria téxtil ao longo da historia.
HORARIO: de 19:00 a 20:30 h
LUGAR: auditorio do CGAC
PRAZAS: 250
Entrada de balde ata completar a capacidade da sala
TALLERES PARA FAMILIAS PRÓXIMA PARADAAAAA!… IRÁN. SHIRIN ABEDINIRAD
Sábado 17 de maio (familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos)
Domingo 18 de maio (familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos)
Realización do proxecto: Sara Donoso
Este ano, nos talleres para familias exploramos o traballo dunha serie de artistas de orixe iraniana que reinterpretan a súa cultura en clave contemporánea. Na Semana dos Museos centrarémonos na obra de Shirin Abedinirad, unha artista que explora a conexión entre as persoas e a natureza en formatos como o vídeo, a performance, a instalación e as esculturas realizadas con espellos. A través dos seus traballos coñeceremos a cultura persa e conectaremos a historia antiga e o mundo actual. Experimentaremos coa luz e coa cor, reflexionaremos sobre os cambios da paisaxe e inspirarémonos en contos clásicos para transportarnos a mundos máxicos.
HORARIO: de 11:00 a 13 :00 h
INSCRICIÓN: Para inscribirse ou solicitar máis información sobre esta actividade poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal.
PRAZO DE INSCRICIÓN: do 8 ao 15 de maio
Actividade de balde con inscrición previa
VISITA O CGAC POR DENTRO
Domingo 18 de maio
Pechamos a semana cun percorrido especial polos espazos menos visibles do CGAC. O público interesado poderá participar nunha visita guiada na que comentaremos o que hai detrás dunha exposición. Falaremos sobre os departamentos implicados no proceso, sobre a montaxe e o transporte das obras… Achegarémonos a lugares do museo como o taller de montaxe, o patio inglés, o taller de pedagoxía, o montacargas, as oficinas, a sala de xuntas ou a biblioteca do CGAC.
A visita partirá da recepción do CGAC ás 12:00 h e terá unha duración aproximada de 50 min. O grupo formarase por orde de chegada ata un máximo de 25 persoas.
HORARIO: de 12:00 a 12:50 h
Actividade de balde sen inscrición previa
