Novas

Venres, 28 de Outubro do 2016

EVA LOOTZ. CUT THROUGH THE FOG

Esta exposición non se expón como unha antolóxica —imposible encerrar nunha soa mostra máis de corenta anos de traballo incesante—; trátase máis ben dunha aproximación a unha serie de pezas significativas que arrincan na década dos setenta para chegar ata a actualidade. Atopamos así unha ampla recompilación de traballos daquela primeira etapa, aínda que con máis exactitude, conviría denominalos obxectos. Neles prima unha actitude de procura e experimentación cos máis diversos materiais, un primeiro bloque constitúeno unhas peculiares superficies pictóricas onde se suprimiu a cor para indagar nos comportamentos dos pigmentos e dos soportes: alcatrán, alkil, parafina, lacre, carbón, fibra de vidro, la, muletón, lona, tarlatana, esparto, feltro…

Folleto da exposición

Dossier de prensa

Venres, 15 de Xullo do 2016

STEFAN BRÜGGEMANN. TO BE POLITICAL IT HAS TO LOOK NICE

A obra de Stefan Brüggemann (Cidade de México, 1975) abriu unha maneira diferente de abordar os aspectos sociolóxicos e culturais da linguaxe. O seu traballo incide nesas contradicións lingüísticas que conforman os paradoxos da vida e a convivencia, pondo en cuestión a rixidez do politicamente correcto, precisamente por falso. A súa exposición no CGAC está construída a partir de intervencións espaciais que cuestionan a orde dos conceptos, a lóxica das normas e, particularmente, as convencións do sistema da arte.

Folleto da exposición

Dossier de prensa

Xoves, 30 de Xuño do 2016

RELER A COLECCIÓN

O núcleo dun museo é unha colección: a súa colección. A colección é o símbolo patrimonial dunha memoria cultural. Un territorio e unha cultura constrúen a súa identidade desde a memoria. Para que a memoria sexa activa e non nostálxica debe ser crítica e autocrítica, disposta a revisarse de maneira permanente. A función dun museo é crear unha memoria e mantela viva a través dunha incesante relectura, interpretación e investigación, que cuestione, que incida nas perspectivas difíciles. As exposicións temporais están intimamente conectadas e ligadas á colección porque son outra vertente da memoria do museo, unha forma de enriquecer a colección e unha maneira de poder acompañar aos artistas máis próximos, aqueles que contribúen ao enriquecemento simbólico da cultura.

Dentro deste proxecto de revisión e contextualización da colección preséntanse tres propostas expositivas, nas que se desenvolven temáticas diferentes e que incorporan diálogos cruzados con outras coleccións tanto públicas como privadas vinculadas co CGAC e con Galicia: coleccións públicas e privadas galegas, coleccións de museos cos que o CGAC comparte coproducións de exposicións temporais (CAAC de Sevilla e MUN de Pamplona) ou coleccións que mantiveron unha especial conexión co CGAC como a Colección ARCO e a súa sede actual o CA2M de Móstoles.


Folletos da exposición: Estado de excepción, Ensaio visual e Louise Bourgeois. Cell.

Dossier de prensa

Xoves, 21 de Abril do 2016

AGRUPAR_DESAGRUPAR: RUPTURAS DA REPRESENTACIÓN

Entre o despuntar de Atlántica e o xurdir da Facultade de Belas Artes de Pontevedra desenvólvese en Galicia o traballo dunha importante nómina de artistas de moi diferente procedencia académica e cos máis diversos horizontes estéticos e conceptuais. Nesa paréntese fecunda loitarán por ampliar a visibilidade da súa obra en condicións adversas nunhas terras de ninguén nas que sempre será dificultoso encontrar sinais de orientación e referencia. Arranca entón unha apaixonante diversidade de propostas e de nomes (por fin abundantes nomes de muller) tamén moi crecente en número se a comparamos coa xeración anterior. Esa apaixonante diferenza tivo un constituínte común que non era outro que a autoconciencia do feito artístico e da incontrolable contaminación de linguaxes. Foron as súas, rupturas da representación.

Folleto da exposición

Dossier de prensa

Venres, 15 de Abril do 2016

MARISA GONZÁLEZ. REXISTROS DOMESTICADOS

A mostra presenta o desenvolvemento coherente das motivacións de Marisa González e a súa procura de solucións para responder a problemas das sociedades actuais en diálogo coa reflexión permanente sobre o que é a arte e sobre o papel que pode desempeñar no mundo contemporáneo.

Folleto da exposición

Dossier de prensa