Actividades

O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.

Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.

Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.

Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:  

 

23 Xaneiro 2024 - 14 Maio 2024

O programa de concertos abertos busca achegar a música contemporánea e de vangarda a todos os públicos para dar testemuño das infinitas vías que esta disciplina posibilita. Camiños diversos, inauditos e divertidos, na procura da excelencia musical e performativa, e tamén dos procesos liberadores das artistas que os transitan.

20 Xaneiro 2024 - 12 Maio 2024
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h

Xa están de volta os talleres para familias! Esta actividade está deseñada para que as familias con nenos e nenas entre os 4 e os 9 anos poidan gozar e explorar o mundo da arte contemporánea desenvolvendo e potenciando as súas habilidades creativas.

2 Maio 2024

Unha visión ampla e comprensiva da obra de Antón Lamazares a través da súa produción artística e do seu periplo vital. Unha viaxe no tempo a través das obras resultantes do traballo e da entrega ao singular exercicio de querer mostrar.

20 Febreiro 2024 - 12 Marzo 2024
Martes de 19:00 a 20:30 h

A comezos do século XX, cos movementos vangardistas, empezan a diluírse as fronteiras entre moda e arte, xa que a alta costura e o deseño comezan a traballar coas mesmas técnicas e enfoques que se usaban nas prácticas artísticas.

2 Febreiro 2024
20:00 h

Maria Callas, unha cantante de ópera que transcendeu ese ámbito artístico para converterse nunha icona cultural con millóns de seguidoras e seguidores en todo o mundo, e que deu orixe á mitomanía que todas as sopranos actuais deben afrontar dun xeito ou doutro.

27 Decembro 2023 - 5 Xaneiro 2024

Este Nadal propoñemos dous obradoiros para os pequenos da casa.

3 Outubro 2023 - 19 Decembro 2023
Martes, de 19:00 a 20:30 h

“Saínte dunha porta, cancela etc., sobre o que xira”. Esa é a definición de “couzón” que nos ofrece a Real Academia Galega. E se vostede, tras lela, quedou como estaba e se se está preguntando que demos é un “couzón”, pois xa somos dous: vostede, a persoa lectora, e eu, este impersoal narrador (con ínfulas de voz en off cinematográfica) que, sen disimulo, trata de captar a súa atención.

14 Xaneiro 2023 - 16 Decembro 2023
de 11:00 a 13:30 h

A arquitectura e o urbanismo contemporáneos son os grandes descoñecidos da cidade de Compostela. Esta ruta recolle unha mostra das actuacións feitas nos últimos cincuenta anos que, de forma continua, foron definindo e singularizando a zona norte da cidade. Falaremos da relación entre a arquitectura e a paisaxe, do diálogo entre a tradición e a modernidade, da pedra e das novas linguaxes arquitectónicas....

18 Novembro 2023 - 13 Decembro 2023

Ao longo do ano levaremos a cabo unha serie de sesións de ioga que terán como marco as exposicións temporais do CGAC, os suxestivos espazos arquitectónicos que as conteñen e os espazos naturais do parque de Bonaval, deseñados por Álvaro Siza Vieira e pola arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre.