Actividades

O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.

Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.

Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.

Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:  

 

6 Febreiro 2026 - 7 Febreiro 2026

Internalities: Architectures for Territorial Equilibrium, o Pavillón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia de 2025, explora como os arquitectos podemos (e debemos) minimizar as externalidades ambientais asociadas cos procesos de produción para avanzar cara á descarbonización da construción.

9 Xaneiro 2026 - 14 Xaneiro 2026
19:00 h

A exposición Percepción e incerteza aborda algúns dos cambios e das consecuencias máis decisivas que os recentes desenvolvementos da ciencia e da tecnoloxía están a producir no noso presente, caracterizado pola velocidade e a fugacidade.

17 Decembro 2025 - 18 Decembro 2025
19:00 h

Miralda usou o audiovisual tanto para documentar procesos de investigación relacionados cos proxectos nos que traballa como para crear obras autónomas, algunhas das cales se basean nas mesmas temáticas que tratan as súas propostas artísticas e que remiten, entre outros tantos asuntos, á pervivencia do ritual na sociedade de consumo de masas.

12 Decembro 2025 - 14 Decembro 2025

A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia), en colaboración co CGAC, trae a Galicia un formato de xornadas que xa leva tempo organizándose noutras comunidades do Estado español e que responde a unha demanda urxente do sector da arte no noso territorio.

10 Decembro 2025
19:00 h

Territorio é unha exposición de vídeo que busca achegar ao público as particularidades da escena artística de Centroamérica a través de 18 proxeccións de artistas procedentes de Guatemala, Nicaragua, Costa Rica, El Salvador, Honduras e Panamá.

29 Novembro 2025
9:30-14:30 h

Legados. Espazos para o coidado das creacións contemporáneas é un proxecto que nace da preocupación compartida co sector da arte contemporánea polo destino dos legados dos artistas de maior idade, así como pola situación económica e xurídica que adoita acompañar este colectivo.

13 Novembro 2025
19:00 h

O estudio de arquitectura CREUSeCARRASCO protagoniza o número 38 da colección En Blanco, unha monografía que reúne unha selección de obras recentes organizadas arredor de catro temas: Porto, Habitación, Casa e Pendente. Cada un destes capítulos traza unha forma distinta de relación co territorio, o habitar e a xeografía galega.

27 Outubro 2025
19:00 h

Un ano máis, o CGAC colabora con Aberto —unha iniciativa promovida pola Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia— acollendo unha mesa redonda sobre coleccionismo, organizada en colaboración co Departamento de Historia da Arte da USC.

12 Marzo 2025 - 10 Abril 2025

Estas xornadas acompañan a exposición Mar Caldas. Mulleres, traballo e memoria. Mediante encontros semanais ao longo dos meses de marzo e abril, pretendemos reflexionar sobre os eixes temáticos da mostra desde unha perspectiva feminista.