Actividades

O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.

Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.

Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.

Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:  

 

29 Abril 2026 - 1 Xullo 2026
Mércores de 19:00 a 20:30 h

A través do movemento, a improvisación e a creación colectiva, neste laboratorio de danza de oito sesións cuestionaremos como habitamos os lugares cotiáns: edificios públicos, prazas, rúas, muros ou recantos esquecidos. Exploraremos os espazos deseñados por Álvaro Siza Vieira no CGAC e outras arquitecturas da cidade. 

25 Xuño 2026
De 17:30 a 20:30 h

O presente ciclo reúne un destacado conxunto de artistas, tanto do contexto galego coma da esfera nacional, cuxas prácticas permiten trazar un panorama aberto, crítico e diverso das formas que adopta a performance contemporánea. As pezas seleccionadas comparten unha profunda vontade de explorar o corpo, a voz, a linguaxe, a memoria, e o cotián como espazos de pensamento e experiencia.

13 Xuño 2026
19:30 h

O CGAC participa un ano máis na Semana da Ópera do Teatro Real de Madrid. Nesta ocasión, acollerá a retransmisión en directo de Romeo e Xulieta de Charles Gounod

12 Xuño 2026
19:00 h

Coñecín a Misha hai aproximadamente unha década e puiden desenvolver unha intensa conversa con el. Admiro tanto as súas producións coma a súa actitude, o ton hiperhumano das súas investigacións e a súa intuición sobre as cousas no mundo.

18 Maio 2026
10:30 h. Primeira quenda
12:00 h. Segunda quenda

Esta actividade, que está enmarcada na celebración do Día Internacional dos Museos, ten como obxectivo principal achegar a creación contemporánea ao alumnado de educación primaria e espertar a súa curiosidade pola arte do noso tempo.

11 Febreiro 2026 - 12 Febreiro 2026
11:00-13:30 h e 17:00-20:30 h

“Incluso mentres durmimos, cando logramos fundirnos no estado no que, como dicía Bukowski, o mundo ‘inhala e exhala a través do noso corpo’, a nosa postura corporal parece expresar a forma fundamental da nosa relación co mundo. Adorno sinalou que ‘a nosa conexión co vento durante o sono revela se somos felices ou non’.

12 Novembro 2025 - 28 Novembro 2025

A arte, na súa transformación continua, estivo sempre ligada ao progreso tecnolóxico e ás novas ideas que del derivan. Porén, na actualidade, debido á incidencia directa que os avances científicos e tecnolóxicos teñen na nosa vida cotiá, a relación da ciencia e da tecnoloxía cos campos da creación é máis estreita ca nunca.

26 Maio 2025 - 26 Novembro 2025
11:00 h

A proposta preséntalle ao alumnado —a partir do segundo curso da ESO— unha experiencia de inmersión no universo da música contemporánea escrita por grandes compositores e compositoras dos séculos XX e XXI.

26 Maio 2025 - 26 Novembro 2025
20:00 h

O ciclo Solos no CGAC presenta o encontro do público coas composicións imprescindibles do noso tempo: aquelas que mellor souberon mostrar a pluralidade dunha época a través das súas distintas estéticas e formulacións formais.