Actividades

O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.

Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.

Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.

Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:  

 

12 Maio 2025 - 13 Maio 2025
10:30 h. Primeira quenda
12:00 h. Segunda quenda

Este programa ten como obxectivo achegar a música contemporánea ao público infantil e espertar nas novas xeracións a curiosidade pola arte do noso tempo.

12 Marzo 2025 - 10 Abril 2025

Estas xornadas acompañan a exposición Mar Caldas. Mulleres, traballo e memoria. Mediante encontros semanais ao longo dos meses de marzo e abril, pretendemos reflexionar sobre os eixes temáticos da mostra desde unha perspectiva feminista.

26 Febreiro 2025 - 13 Marzo 2025
De 19:00 a 20:30 h

A sétima arte e a moda viviron, desde as súas orixes, en constante e sorprendente interacción. Xa en 1931, Coco Chanel sentenciaba: “É mediante o cinema que hoxe pode impoñerse a moda”. As películas, por tanto, serviron para a construción de tendencias e iconas fashion, pero tamén nos permitiron indagar, en cada momento, acerca de ideas como a modernidade, os estereotipos de xénero ou o sex appeal.

3 Febreiro 2025 - 26 Febreiro 2025
3, 4, 24, 25 e 26 de febreiro de 2025
De 16:30 a 20:30 h

A fotografía de alguén a quen nos une un vínculo afectivo sempre vai demandarnos unha pregunta…ou varias. Neste obradoiro traballaremos coas fotografías familiares, observándoas con atención, recuperando o seu contexto, escrutando os detalles, fixándonos tanto no que está coma no que non está.

20 Febreiro 2025
17:00-20:00 h

O CGAC, en colaboración coa empresa Fresdeval Films, acollerá no seu auditorio a preestrea en Galicia da película Morlaix (Jaime Rosales, 2025) que xa se levou a cabo noutros museos e universidades de España. Tras a proxección do filme, terá lugar un debate no que participarán o director, Jaime Rosales; a catedrática en Comunicación Audiovisual, escritora, investigadora e cineasta Margarita Ledo e o director do CGAC, Santiago Olmo.

24 Outubro 2024 - 30 Xaneiro 2025

Con motivo do Día Internacional das Bibliotecas, a biblioteca do CGAC acolle unha intervención de Lourdes Pérez que nos propón romper coa orde establecida para explorar doutra maneira a rede de relacións ente autores, institucións e artistas que a conforman.

26 Decembro 2024 - 3 Xaneiro 2025
De 11:00 h a 13:00 h

Coa chegada do Nadal, o CGAC presenta como, todos os anos, a súa proposta de actividades dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos.

Os e as participantes terán a oportunidade de vivir e de explorar a arte contemporánea da man da educadora e artista Rebeca Mariño.

17 Setembro 2024 - 17 Decembro 2024
Martes, de 19:00 a 20:30 h

Este curso propón unha exploración de diversas paisaxes fílmicas a través do desprazamento dos corpos e da viaxe, tanto física coma simbólica (se é que se pode establecer esa distinción).

28 Novembro 2024 - 30 Novembro 2024

Ao longo de tres xornadas, Miguel Ángel Delgado proponnos reflexionar sobre unha selección de obras de cineastas e artistas galegas que, coas súas prácticas e a súa experimentación na intersección do cine e do museo, abriron novos imaxinarios cos que descubrir e interrogar a realidade.