CICLO DE CINEMA. CANDO 'TIBURÓN' DEVOROU O CINEMA: ASCENSO E CAÍDA DO NOVO HOLLYWOOD

15 Xaneiro 2015 - 27 Marzo 2015

CANDO FORON REIS

Imos comezar polo final da historia. En 1980, a industria de Hollywood, o establishment, dá un golpe de man e manda parar a revolta iniciada doce anos antes, cando un grupo de novos cineastas irredentos se fixo co poder de facto nos grandes estudos, subidos na crista da onda dos seus éxitos de vendas e da contracultura derivada do maio do 68.

Pero estabamos no ano 80: Francis Coppola paga a maragota dunha das rodaxes máis accidentadas da historia, a de Apocalypse Now, co equipo varado máis dun ano en Filipinas. Nin a Palma de Ouro en Cannes nin a aclamación da crítica inhiben a desfeita.

Ao mesmo tempo, Michael Cimino, nese momento considerado o golden boy tras dirixir The Deer Hunter (O cazador), e logo de arrasar nos Oscars do ano anterior, roda Heaven ́s Gate, un proxecto non menos megalómano: unha antipelícula do oeste para o que se constrúen decorados dignos dun filme de Visconti e que narra a matanza de inmigrantes xudeus ás mans dos terratenentes do condado de Johnson, en Wyoming, en 1890. Heaven ́s Gate, cuxa metraxe final Cimino alonga ata as tres horas e media, é axiña coñecida como o maior desastre económico sufrido na historia do cinema, ata o punto de que provoca o afundimento definitivo da United Artist, ferida xa de morte polo Coppola vietnamita. E o filme de Cimino é esnaquizado polos produtores que, na sala de montaxe, deixan a película en 125 minutos e estrean unha obra carente de sentido.

É entón cando se van sucedendo os acontecementos e Coppola e Cimino, logo de perderen a súa aura de intocables, comezan a purgar culpas. Pero non só eles: Peter Bogdanovich tamén acaba de vivir o seu particular Waterloo e de arruinarse cando se empeña en distribuír pola súa conta They All Laughed (Todos se riron), a comedia que roda coa súa amante Dorothy Stratten, ata que ela é brutalmente asasinada polo seu marido. William Friedkin non consegue saír da lameira centroamericana doutra rodaxe funesta e atragoada, a de Sorcerer (Carga maldita), a nova versión de O salario do medo, estreada a mesma fin de semana que A guerra das galaxias. Hal Ashby, sempre ao límite pola súa politoxicomanía, nunca se repón dos excesos na rodaxe cos Rolling Stones de Let’s Spend the Night Together. Paul Schrader, recentemente asinado o guión de Raging Bull (Touro salvaxe), a película que salva a cabeza de Scorsese, acentúa os delirios da súa demencia calvinista e pasea cun revólver pola rodaxe da súa nova versión de A muller pantera con Nastassja Kinski, outro proxecto ruinoso.

Díxose que o final ou o ostracismo de todos eles (salváronse Brian de Palma, aínda que foi abatido unha década despois, e Scorsese, xa citado pola súa baraka) se debeu á cuestión económica, ás súas megalomanías, ao seu afastamento da realidade alfombrado por todo tipo de drogas.

Hoxe podemos afinar a verdade: é certo que Apocalypse Now e Heaven ́s Gate fixeron bater as campás, pero non polos dólares dilapidados, senón porque ambas contiñan metralla ideolóxica xa a esas alturas non asumible polo sistema: unha esnaquiza “o soño americano” e a outra denuncia como os pogromos contra os xudeus tiveron lugar nos Estados Unidos antes ca na Alemaña nazi. En novembro dese 1980, Jimmy Carter fora batido por Reagan. A festa da contracultura cortouse en seco. Foi entón o tempo dos mozos listos, aplicados e nada problemáticos, os Spielberg & Lucas. E a sombra do Coronel Kurtz recambiouse rapidamente polo póster de Rambo, personaxe predilecto da Casa Branca e dos seus destinos no universal. O que queda daquela xeración que puido reinar malvive hoxe rodando a contracorrente películas producidas por Lindsay Lohan e o crowfunding e protagonizadas por actores porno.



José Luis Losa



Folleto da actividade


DIRECCIÓN DO CICLO: José Luis Losa


CALENDARIO:

15 de xaneiro: Mean Streets (Martin Scorsese, 1973) Ficha

16 de xaneiro: Fat City (John Huston, 1972) Ficha

22 de xaneiro: Coming home (Hal Ashby, 1978) Ficha

23 de xaneiro: Dog Day Afternoon (Sidney Lumet, 1975) Ficha

29 de xaneiro: The Other (Robert Mulligan, 1972) Ficha

30 de xaneiro: Sorcerer (William Friedkin, 1977) Ficha

5 de febreiro: Family Plot (Alfred Hitchcock, 1976) Ficha

6 de febreiro: Saint Jack (Peter Bogdanovich, 1976) Ficha

12 de febreiro: The Gambler (Karel Reisz, 1974) Ficha

13 de febreiro: Sisters (Brian de Palma, 1973) Ficha

When a Stranger Calls (Fred Walton, 1979) Ficha

19 de febreiro: Conferencia do crítico e escritor Carlos Losilla: "Ascenso e caída do Novo Hollywood"

Hardcore (Paul Schrader, 1979) Ficha

20 de febreiro: Convoy (Sam Peckinpah, 1978) Ficha

Fedora (Billy Wilder, 1978) Ficha

26 de febreiro: The Great White Hope (Martin Ritt, 1970) Ficha

27 de febreiro: Puzzle of a Downfall Child (Jerry Schatzberg, 1970) Ficha

5 de marzo: A New Leaf (Elaine May, 1971) Ficha

12 de marzo: The Panic in Needle Park (Jerry Schatzberg, 1971) Ficha

13 de marzo: Coffy (Jack Hill, 1973) Ficha

BaadAsssss Cinema (Isaac Julien, 2002) Ficha

26 de marzo: Pennies from Heaven (Herbert Ross, 1981) Ficha

27 de marzo: Heaven's Gate (Michael Cimino, 1980) Ficha


Entrada libre até completar capacidade.