Actividades

O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.

Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.

Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.

Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:  

 

12 Abril 2023 - 10 Novembro 2023

SESIÓNS PRESENCIAIS: de 16:00 a 20:00 h
SESIÓNS EN LIÑA: de 17:00 a 19:00 h

Neste taller achegarémonos a unha lectura da cidade como organismo complexo, utilizando como ferramenta primeira o concepto de experiencia estética. Con iso queremos indicar todo o que os diferentes sentidos rexistran dunha cidade e que constitúe o patrimonio común da cidadanía (todos ven as mesmas fachadas, ouven os mesmos ruídos, móllanse pola choiva o mesmo día).

26 Outubro 2023 - 28 Outubro 2023

O congreso celebrarase os días 26, 27 e 28 de outubro de 2023. As sedes do congreso serán: A Casa das Campás (Universidade de Vigo, Campus de Pontevedra) e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC, Santiago de Compostela).

8 Outubro 2023
13:00 h

Curtocircuíto é un festival internacional que xurdiu en 2003 por iniciativa do Concello de Santiago de Compostela coa intención de potenciar a creación cinematográfica no ámbito da curtametraxe e que se foi consolidando pouco a pouco ata converterse nunha das citas de referencia para a creación cinematográfica independente en España.

29 Setembro 2023 - 30 Setembro 2023

Con motivo do seu 30 aniversario, o CGAC deseñou un programa especial de concertos e espectáculos que, tomando como punto de partida o edificio que alberga o museo, combina diversas linguaxes e disciplinas artísticas como a danza, a videocreación e a música.

14 Setembro 2023 - 17 Setembro 2023

WOS Festival é un evento indoor de carácter anual que se celebra no mes de setembro en diferentes espazos de alto valor patrimonial de Santiago de Compostela, España.

4 Xullo 2023 - 28 Xullo 2023

Como todos os anos, o CGAC presenta a súa oferta estival de talleres de lecer. Estes talleres están pensados para que os nenos e as nenas de 4 a 12 anos reflexionen sobre a importancia da arte, comprendan mellor o mundo que os rodea e teñan a oportunidade de se implicar nos procesos creativos e, ademais, para que coñezan, se comuniquen e experimenten con múltiples soportes, linguaxes, técnicas e conceptos da arte contemporánea.

14 Xullo 2023
21:00 h

O CGAC foi convidado polo Teatro Real para participar na retransmisión en directo dunha das óperas máis populares da historia, Turandot, a última obra do compositor italiano Giacomo Puccini.

1 Xullo 2023
De 11:00 a 13:30 h

Desde o pasado ano, no CGAC levamos a cabo un proxecto de escoita do barrio de San Pedro no que se recolle a súa historia, tradicións, economía local e testemuños da transformación da súa paisaxe urbanística e humana.

1 Xuño 2023 - 27 Xuño 2023

As Xornadas de Música Contemporánea están organizadas polo Auditorio de Galicia-Compostela Cultura, Concello de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Universidade de Santiago de Compostela e contan co apoio económico da Deputación da Coruña.