Actividades

O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.

Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.

Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.

Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:  

 

24 Xaneiro 2024 - 29 Maio 2024
Mércores de 19:00 a 20:30 h

Este curso propón unha deriva pola historia da fotografía desde o primeiro desexo de crear unha imaxe pola acción da luz ata o xurdimento das vangardas nos primeiros anos do século XX.

17 Xaneiro 2024 - 29 Maio 2024
Mércores de 17:00 a 18:30 h

Os mércores á tarde contaremos con esta nova actividade dirixida ao público infantil. O seu obxectivo é estimular o interese das persoas máis novas na creación artística contemporánea e incentivar a aprendizaxe a través da experimentación coa arte.

16 Abril 2024 - 28 Maio 2024
Martes de 19:00 a 20:30 h

Este curso debuxa o pasado, o presente e o futuro das culturas contemporáneas e das modas, ao tempo que transita pola fina liña que separa o divismo na arte do divismo na rúa.

27 Xaneiro 2024 - 26 Maio 2024
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h

O CGAC presenta a novena edición deste ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea e orientado ao público infantil.

16 Maio 2024 - 25 Maio 2024

Un ano máis, o CGAC renova o seu compromiso coa performance a través da súa colaboración con Plataforma. Festival de artes performativas. Na súa quinta edición, este festival, que naceu coa vocación e co obxectivo de enriquecer a potencia cultural de Santiago de Compostela, converteuse xa nunha das citas culturais de referencia na cidade durante o mes de maio.

13 Maio 2024 - 19 Maio 2024

O Consello Internacional de Museos (ICOM) propón para celebrar o Día Internacional dos Museos o lema “Museos pola educación e a investigación”.

Arredor deste evento, o CGAC programa unha semana de actividades gratuítas vinculadas á didáctica e á música contemporánea, á educación artística e á creación plástica, á performance e mais á historia da fotografía, alén dunha visita guiada aos recantos menos coñecidos do CGAC.

23 Xaneiro 2024 - 14 Maio 2024

O programa de concertos abertos busca achegar a música contemporánea e de vangarda a todos os públicos para dar testemuño das infinitas vías que esta disciplina posibilita. Camiños diversos, inauditos e divertidos, na procura da excelencia musical e performativa, e tamén dos procesos liberadores das artistas que os transitan.

20 Xaneiro 2024 - 12 Maio 2024
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h

Xa están de volta os talleres para familias! Esta actividade está deseñada para que as familias con nenos e nenas entre os 4 e os 9 anos poidan gozar e explorar o mundo da arte contemporánea desenvolvendo e potenciando as súas habilidades creativas.

2 Maio 2024

Unha visión ampla e comprensiva da obra de Antón Lamazares a través da súa produción artística e do seu periplo vital. Unha viaxe no tempo a través das obras resultantes do traballo e da entrega ao singular exercicio de querer mostrar.