Actividades

O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.

Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.

Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.

Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:  

 

28 Xuño 2025
De 10:30 a 13:00 h

Realización do proxecto: Miguel Cuba Taboada

Un ano máis, o CGAC e a asociación veciñal A Xuntanza, colaboran na programación de actividades conxuntas para as festas do barrio de San Pedro. Este obradoiro propón unha aproximación ao barrio de San Pedro co fin de reimaxinalo a través do debuxo e de lles dar unha segunda vida a aqueles edificios que actualmente se atopan desocupados ou abandonados.

27 Xuño 2025
De 18:00 a 21:30 h

Dándolle continuidade ao proxecto Mundo Quark, que tivo lugar o ano pasado como parte do programa das festas do barrio de San Pedro, o CGAC colabora de novo coa asociación veciñal A Xuntanza e o IGFGAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) na programación dunha segunda edición deste taller que explora a interconexión entre a danza e a ciencia.

23 Abril 2025 - 11 Xuño 2025
Mércores de 19:00 a 20:30 h

A moda é un importante sector económico que ten cada vez unha maior presenza na vida cotiá: está nas rúas, nos medios de comunicación e forma parte da actividade lúdica e cultural. A moda é tan omnipresente que esperta en moitos e moitas de nós a curiosidade por atopar respostas a esa novidosa relevancia que acadou no século XXI.

25 Xaneiro 2025 - 8 Xuño 2025
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00

O CGAC presenta a décima edición deste ciclo de talleres dedicados á arquitectura contemporánea e dirixidos ao público infantil, cunha sesión final pensada para aprender e gozar en familia.

15 Febreiro 2025 - 3 Xuño 2025

Con relevantes traxectorias individuais, Concha Jerez (As Palmas de Gran Canaria, 1941) e José Iges (Madrid, 1951) desenvolveron de forma paralela, desde hai máis de tres décadas, unha produción común. Con motivo da exposición Resignificacións, presentarán en vivo no CGAC algúns dos seus traballos individuais e conxuntos. O centro organizará ademais unha mesa redonda na que os artistas falarán sobre a evolución da súa obra con varios…

21 Maio 2025 - 25 Maio 2025
Organiza: Cooperativa Performa
Dirección: Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo
Coordinación CGAC: Carmen Hermo

Plataforma. Festival de artes performativas chega á súa sexta edición como un dos festivais de referencia da cidade e unha cita cultural imprescindible. Nesta ocasión, o CGAC acollerá tres performances dirixidas a todos os públicos que se alternarán durante a tarde do sábado 24 de maio en distintas localizacións do museo.

28 Xaneiro 2025 - 20 Maio 2025
Martes de 19:00 a 20:30 h

Este curso realiza un percorrido en imaxes desde o xurdimento das vangardas artísticas, nos inicios do século XX, ata a aparición do posmodernismo, na década de 1970, un período que supuxo unha transformación radical na maneira de entender a fotografía.

12 Maio 2025 - 18 Maio 2025

O obxectivo do Día Internacional dos Museos (DIM) é concienciar as persoas usuarias sobre a importancia dos museos como medio para o intercambio, o enriquecemento cultural, a colaboración, o coñecemento mutuo e a paz entre os pobos. O DIM celébrase, coa participación de 158 países e territorios de todo o planeta, arredor do 18 de maio.

18 Xaneiro 2025 - 18 Maio 2025
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h

Realización do proxecto: Sara Donoso

Volvemos un ano máis cos talleres para familias! Un proxecto no que tías, sobriños, avós, netas, pais, irmáns… se poden introducir no mundo da arte contemporánea explorando cada etapa do proceso creativo a partir da obra de diferentes artistas.