Inscrito no marco do programa de actividades que o IGFAE, o CESGA e o CGAC organizan con motivo da Semana da Ciencia, este taller propón un encontro entre ciencia e arte, no que se explorará como os principios da física cuántica —superposición, incerteza, entrelazamento e observación— poden inspirar novas formas de creación e movemento na danza contemporánea.
- Inicio
- Actividades
Actividades
O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.
Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.
Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.
Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:
Realización do proxecto: Paula Toimil
O obxectivo deste programa é fomentar e facilitar o diálogo entre o público e a arte contemporánea co ioga como ferramenta para a mediación.
O estudio de arquitectura CREUSeCARRASCO protagoniza o número 38 da colección En Blanco, unha monografía que reúne unha selección de obras recentes organizadas arredor de catro temas: Porto, Habitación, Casa e Pendente. Cada un destes capítulos traza unha forma distinta de relación co territorio, o habitar e a xeografía galega.
O trío de jazz Sumrrá ofrecerá un concerto temático e comentado cuxo repertorio estará centrado no seu disco 7 visións (2021). As pezas deste álbum fálannos da permanente danza do cosmos, reflexionan sobre a eterna cuestión da nosa posición periférica no universo e especulan sobre o que puido ocorrer no big-bang.
Como en edicións anteriores, o CGAC colabora coa Universidade de Vigo na organización do X Congreso Internacional de Performance Fugas e Interferencias.
O congreso ten como obxectivo principal afondar na análise e na reflexión arredor dos novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica artística como desde a reflexión teórica.
Un ano máis, o CGAC colabora con Aberto —unha iniciativa promovida pola Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia— acollendo unha mesa redonda sobre coleccionismo, organizada en colaboración co Departamento de Historia da Arte da USC.
WOS Festival é un evento indoor de carácter anual que se celebra no mes de setembro en diferentes espazos de alto valor patrimonial de Santiago de Compostela, España. O festival presenta un amplo programa multidisciplinar cun enfoque en música electrónica e avant-garde, artes visuais, cinema, instalacións, obradoiros e conferencias.
O CGAC é convidado un ano máis a participar na Semana da Ópera do Teatro Real de Madrid. Nesta ocasión, acollerá a retransmisión en directo de La traviata, de Giuseppe Verdi. Unha das óperas máis queridas polo público, unha obra intensa, romántica e tráxica.
Co verán chegan os talleres de lecer do CGAC. Nesta edición, comezaremos desentrañando o universo cinematográfico, construiremos un xogo como motor para a creatividade, deseñaremos fanzines e remataremos facendo un ocorrente exercicio literario para retratar as nosas vidas.
