Actividades

O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.

Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.

Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.

Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:  

 

28 Xuño 2025
De 10:30 a 13:00 h

Realización do proxecto: Miguel Cuba Taboada

Un ano máis, o CGAC e a asociación veciñal A Xuntanza, colaboran na programación de actividades conxuntas para as festas do barrio de San Pedro. Este obradoiro propón unha aproximación ao barrio de San Pedro co fin de reimaxinalo a través do debuxo e de lles dar unha segunda vida a aqueles edificios que actualmente se atopan desocupados ou abandonados.

27 Xuño 2025
De 18:00 a 21:30 h

Dándolle continuidade ao proxecto Mundo Quark, que tivo lugar o ano pasado como parte do programa das festas do barrio de San Pedro, o CGAC colabora de novo coa asociación veciñal A Xuntanza e o IGFGAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) na programación dunha segunda edición deste taller que explora a interconexión entre a danza e a ciencia.

25 Xaneiro 2025 - 8 Xuño 2025
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00

O CGAC presenta a décima edición deste ciclo de talleres dedicados á arquitectura contemporánea e dirixidos ao público infantil, cunha sesión final pensada para aprender e gozar en familia.

18 Xaneiro 2025 - 18 Maio 2025
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h

Realización do proxecto: Sara Donoso

Volvemos un ano máis cos talleres para familias! Un proxecto no que tías, sobriños, avós, netas, pais, irmáns… se poden introducir no mundo da arte contemporánea explorando cada etapa do proceso creativo a partir da obra de diferentes artistas.

3 Febreiro 2025 - 26 Febreiro 2025
3, 4, 24, 25 e 26 de febreiro de 2025
De 16:30 a 20:30 h

A fotografía de alguén a quen nos une un vínculo afectivo sempre vai demandarnos unha pregunta…ou varias. Neste obradoiro traballaremos coas fotografías familiares, observándoas con atención, recuperando o seu contexto, escrutando os detalles, fixándonos tanto no que está coma no que non está.

26 Decembro 2024 - 3 Xaneiro 2025
De 11:00 h a 13:00 h

Coa chegada do Nadal, o CGAC presenta como, todos os anos, a súa proposta de actividades dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos.

Os e as participantes terán a oportunidade de vivir e de explorar a arte contemporánea da man da educadora e artista Rebeca Mariño.

29 Xuño 2024
De 11:00 a 13:30 h

Este taller, en colaboración co barrio de San Pedro, propón unha incursión nas súas festas a través dunha visita debuxada. Unha exploración do barrio guiada pola relación entre a observación e o bosquexo.

28 Xuño 2024
De 18:00 a 21:30 h

O CGAC colabora co barrio de San Pedro e co IGFAE neste taller que hibrida a danza contemporánea e a ciencia.

A partir do Modelo estándar de física de partículas, as persoas participantes na actividade investigarán unha serie de elementos a través do seu corpo e do movemento.

17 Xaneiro 2024 - 29 Maio 2024
Mércores de 17:00 a 18:30 h

Os mércores á tarde contaremos con esta nova actividade dirixida ao público infantil. O seu obxectivo é estimular o interese das persoas máis novas na creación artística contemporánea e incentivar a aprendizaxe a través da experimentación coa arte.